Sede electronica

Sede Electrónica

Busqueda
2362028bd56c981a13cdba50992ed9b93ad6d6e6

Toponimia

TOPONIMIA

Dende o punto de vista xeográfico, Brión está dividido en dúas zonas:

A primeira, máis próxima a Santiago, formando o val da Maía, regado polo evocador río Sar.

A segunda, na vertente do Tambre, demárcao este río polo norte formando o encoro Barrié de la Maza.

Ten por veciños a sete municipios: Ames, Negreira, Serra de Outes, Noia, Lousame, Rois e Teo e conta con 75 quilómetros cadrados e unha poboación de 7.923 habitantes, que está en progresivo aumento grazas á atracción que exerce a súa proximidade a Santiago, á fermosura das paisaxes e ao esmero na ordenación urbanística.

A Maía goza dun microclima ostensiblemente benigno: temperaturas moderadas e considerable proporción de días despexados. O relevo é lixeiramente ondulado, con alturas máximas nos montes que demarcan o termo municipal polo sur: Santa Cecía en Bastavales e Pedra do Coro en Cornanda, que serven de miradoiros respectivamente ás rías de Arousa e Noia. A altitude vai dos escasos 30 metros na ribeira do río Sar ata pouco máis de 525 nos picos meridionais.

Coñecemos a arte destes primeiros poboadores nos petróglifos do Coto Cornido en Boullón ou no monte Pumariño en Beca con cazoletas e círculos concéntricos.

Xa coa chegada dos romanos ao noso territorio, temos constancia da calzada romana “per loca marítima” que atravesaba a parte norte do concello camiño de Brandomil e cruzaba o río Tambre pola desaparecida ponte Pías. Na aldea de Cirro, na parroquia de San Salvador, atopouse no ano 1963 de xeito casual un mosaico e os restos dun “hipocaustum” romano (forno de calefacción), con pavimento de baldosas de barro vermello, pertencentes a unha “villae”.

A época medieval está no noso concello profundamente marcada pola importante presenza dos Moscoso, donos do castelo de Altamira e con posesións por toda Galicia, dende Ribadeo a Corcubión, o que indica o seu enorme poder. No ano 2021 celébranse os cincocentos cincuenta anos da sonada batalla de Altamira, loita entre a Igrexa de Santiago,  representada polo arcebispo Alonso II de Fonseca, e o sector nobiliario, representado por Lopo Sánchez de Moscoso, co triunfo destes últimos aos pés do Castelo de Altamira.

A chegada dos reis Católicos e o seu centralizado poder fai que a nobreza galega se vaia trasladando á Corte, co que comeza o declive dos diferentes castelos, quedando pouco a pouco a fortaleza de Altamira deshabitada e en total abandono no século XIX. Hoxe, os restos son propiedade da Deputación da Coruña, que é a encargada de acometer os traballos para a súa posta en valor.

×
Procurar
×
Arquivos atopados

Buscando arquivos...

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.