HISTORIA
No amplo Val da Maía, nas terras poboadas polos antigos “Amaeos”, está o Concello de Brión, situado entre dous ríos: polo norte o caudaloso Tambre e cara ao sur o fermoso río Sar, que cantara Rosalía de Castro na súa obra.
Terras que xa coñecen a presenza humana dende a prehistoria: a cultura das grandes pedras ou megalitismo co campo de mámoas de Rañalonga; os nosos antepasados celtas (castrexos) coas primeiras aldeas ou castros (Bemil, Pousada, Forxán, Lamiño, Ons, Tembra, Vioxo… ou o máis salientable de Beca ou Lupario, escenario das lendas da Raíña Lupa e a translación do corpo do Apóstolo.)
Coñecemos a arte destes primeiros poboadores nos petróglifos do Coto Cornido en Boullón ou no monte Pumariño en Beca con cazoletas e círculos concéntricos.
Xa coa chegada dos romanos ao noso territorio, temos constancia da calzada romana “per loca marítima” que atravesaba a parte norte do concello camiño de Brandomil e cruzaba o río Tambre pola desaparecida ponte Pías. Na aldea de Cirro, na parroquia de San Salvador, atopouse no ano 1963 de xeito casual un mosaico e os restos dun “hipocaustum” romano (forno de calefacción), con pavimento de baldosas de barro vermello, pertencentes a unha “villae”.
A época medieval está no noso concello profundamente marcada pola importante presenza dos Moscoso, donos do castelo de Altamira e con posesións por toda Galicia, dende Ribadeo a Corcubión, o que indica o seu enorme poder. No ano 2021 celébranse os cincocentos cincuenta anos da sonada batalla de Altamira, loita entre a Igrexa de Santiago, representada polo arcebispo Alonso II de Fonseca, e o sector nobiliario, representado por Lopo Sánchez de Moscoso, co triunfo destes últimos aos pés do Castelo de Altamira. A chegada dos reis Católicos e o seu centralizado poder fai que a nobreza galega se vaia trasladando á Corte, co que comeza o declive dos diferentes castelos, quedando pouco a pouco a fortaleza de Altamira deshabitada e en total abandono no século XIX. Hoxe, os restos son propiedade da Deputación da Coruña, que é a encargada de acometer os traballos para a súa posta en valor.