Administración Local
Municipal
Brión
Aprobación definitiva Ordenanza reguladora do rexistro municipal de Soares e outras edificacións que cómpre rehabilitar no Concello de Brión
EDICTO.
Elevado a definitivo o acordo de aprobación da ordenanza reguladora do rexistro municipal de soares e outras edificacións que cómpre rehabilitar no Concello de Brión, adoptado en sesión plenaria do 16 de xuño de 2010, por non se ter presentado ningunha reclamación nin suxestión dentro do prazo de información pública e audiencia ós interesados, publícase de seguido o seu texto íntegro para os efectos da súa entrada en vigor consonte co disposto no art. 70.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
ORDENANZA REGULADORA DO REXISTRO MUNICIPAL DE SOARES E EDIFICACIÓNS QUE CÓMPRE REHABILITAR NO CONCELLO DE BRIÓN.
PREÁMBULO
A Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia establece, no seu artigo 9, os deberes de uso, conservación e rehabilitación dos propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións, entre os que se inclúen “a) Destinalos aos usos permitidos polo planeamento urbanístico e mantelos en condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade segundo o seu destino, e consonte ás normas de protección do medio ambiente, do patrimonio histórico e da rehabilitación”.
Asemade, no capítulo primeiro do seu título VI, “Fomento da edificación”, nos artigos 188 e seguintes, recolle o deber dos propietarios de edificar os soares nos prazos establecidos nesa lei, que serán os fixados polos plans e, de non os haber, o de dous anos; as consecuencias do incumprimento do deber de edificar ou rehabilitar; e a posibilidade de actuación, ben directamente a través dunha sociedade urbanística ou ben a través dun axente edificador.
Por outra banda o art. 174 da mesma Lei sinala que “os municipios que dispoñan de plan xeral de ordenación municipal deberán constituír o patrimonio municipal do solo, coa finalidade de obter reservas de solo para actuacións de iniciativa pública, facilitar a execución do plan e contribuír á regulación do mercado de terreos destinados ó desenvolvemento urbanístico”.
O Concello de Brión dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado o 26 de xuño do 2003.
O art. 177 da mesma Lei, na redacción dada pola Lei 6/08, establece que non se poderán allear ou permutar bens do patrimonio público do solo ata tanto este e o rexistro de soares non se constituisen formalmente.
De maneira que a esixenza do art. 177 da Lei 9/02 obriga a todos os municipios, se pretenden allear terreos, a teren constituido o rexistro de soares e o patrimonio público do solo.
Por outra banda, o artigo 47 da Constitución española ordena ós poderes públicos promover as condicións necesarias e establecer as normas pertinentes para facer efectivo o dereito dos españois a unha vivenda digna e adecuada, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación. De aquí, precisamente, a necesidade de dotarse de instrumentos que permitan o cumprimento efectivo destes obxectivos, como é o rexistro de solares e terrenos sen edificar, con enorme tradición no dereito urbanístico español, por terse regulado xa na Lei de soares do 15 de maio de 1945, na posterior Lei de réxime do solo e ordenación urbana, do 12 de maio de 1956, no Texto refundido da Lei do solo de 1976, no Real decreto lexislativo 1/1992.
Débese ter en conta, ademáis, que no ámbito específico da lexislación de réxime local, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, establece no seu artigo 25.2 que o municipio exercerá, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas nas seguintes materias “(…) d) Ordenación, xestión, execución e disciplina urbanística”.
O obxectivo desta ordenanza é, por tanto, a creación dun libro rexistro municipal de soares e edificacións que cómpre rehabilitar, regulando o obxecto, os prazos, o ámbito de aplicación e o establecemento das condicións e prazos da edificación forzosa, definindo as obrigas que nestes aspectos corresponden aos propietarios de soares e edificacións.
TÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS.
Artigo 1. Obxecto.
Esta ordenanza ten por obxecto establecer os prazos en que os propietarios de soares, de edificacións declaradas en ruína ou inadecuadas e de construcións paralizadas deberán proceder á súa edificación, así como a regulación do contido, organización e funcionamento do libro de rexistro de soares e edificios que cómpre rehabilitar e as consecuencias derivadas do incumprimento do deber de conservación ou edificación, ao abeiro do establecido no título VI, capítulo I da Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
Artigo 2. Deber de edificar os soares.
Os propietarios de soares e de construcións en ruína ou inadecuadas deberán emprender a edificación nos termos establecidos nesta ordenanza.
No solo urbanizable e no solo urbano non consolidado, o prazo para o cumprimento do deber de edificar comezará a contarse dende a conversión dos terreos en soares.
Polo que respecta ao solo urbano consolidado, o prazo para o cumprimento do deber de edificar comezará a contarse dende a aprobación definitiva do planeamento urbanístico que conteña a súa ordenación detallada, aínda que os terreos non reúnan a condición de soar. Neste último caso, o deber de edificar abrangue tamén a obriga de dotar a parcela dos elementos de urbanización necesarios para que se convirta en soar.
O deber de edificar afecta igualmente aos propietarios dos predios nos que existan construcións paralizadas, ruinosas, derruídas ou inadecuadas con respecto ao lugar no que se atopen, e estes deberán emprender a edificación nos prazos sinalados. En caso de que o planeamento prohiba a substitución total ou parcial das edificacións existentes ou impoña a conservación de determinados elementos ou a súa rehabilitación integral, o deber de edificar entenderase como deber de rehabilitar, respectando, ao se materializaren os correspondentes aproveitamentos urbanísticos, os elementos dotados de protección.
Artigo 3. Prazos para edificar ou rehabilitar.
Os prazos aplicables para o cumprimento do deber de edificar ou rehabilitar serán os fixados polo planeamento xeral ou de desenvolvemento, en función da clasificación e cualificación do solo e das circunstancias específicas que concorran en determinadas áreas ou soares que serán apreciadas de forma motivada, e, de non os houber, o prazo será de dous anos.
Poderán reducirse os prazos nos supostos de ruína inminente, risco de deterioro acelerado da edificación ou en función da importancia do ben que se protexe, que se motivarán en cada caso.
O Concello poderá conceder prórrogas cunha duración máxima conxunta dun ano, por pedimento dos interesados, por causas xustificadas e de forma motivada.
Artigo 4. Excepcións á obriga de edificar nos prazos establecidos.
As administracións públicas que posúan ou adquiran soares para ampliacións ou futuras necesidades xustificadas poderán retelos sen edificar por prazos superiores ós previstos nesta ordenanza, logo do acordo do Concello.
Artigo 5. Consecuencias do incumprimento dos deberes de edificar ou rehabilitar.
Se vence o prazo concedido para cumprir os deberes de edificar ou rehabilitar, incluídas as súas eventuais prórrogas, sen que se dea cumprimento á execución das obras de edificación ou rehabilitación, o Alcalde ou órgano no que, no seu caso, delegue, decretará a inscrición obrigatoria no rexistro de soares.
Artigo 6. Ámbito territorial de aplicación.
O ámbito de aplicación desta ordenanza comprende a totalidade do termo municipal de Brión.
TÍTULO II. REXISTRO MUNICIPAL DE SOARES E EDIFICIOS QUE CÓMPRE REHABILITAR.
Artigo 7. Concepto.
O Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar ten a consideración de rexistro administrativo, de carácter público, e está constituído por todos aqueles inmobles, tanto soares como edificios, que se inclúan nel por resolución administrativa ditada polo órgano municipal competente.
O libro de rexistro é o soporte físico documental en que quedan inscritos todos os inmobles incluídos no Rexistro. As certificacións que dos seus datos se expidan terán o carácter de documento público para todos os efectos administrativos, con valor probatorio.
Créase coa finalidade de incluír os soares e as construcións en ruína, inadecuadas ou paralizadas, como medio de instrumentar a edificación ou rehabilitación forzosa nos casos de incumprimento dos deberes urbanísticos de edificación nos prazos establecidos.
Artigo 8. Organización.
O Rexistro municipal de soares comprenderá un só libro dividido en dúas seccións:
* De soares.
* De edificacións declaradas en ruína e construcións paralizadas e inadecuadas.
Artigo 9. Supostos de inclusión.
Poderán ser incluídos no Rexistro de soares aqueles nos que concurran as circunstancias que se indican no artigo 2 desta ordenanza, é dicir, soares non edificados, construcións paralizadas, ruinosas, derruídas ou inadecuadas.
Artigo 10. Clases e contido de cada asento.
O Rexistro expresará, respecto de cada edificio ou soar as circunstancias que procedan para a súa correcta localización, tales como a súa descrición e linderos e a referencia catastral, caso de que se dispoña da mesma, os datos de inscripción, caso de que se atope inscrita no Rexistro da Propiedade, así coma a data da resolución que acorde a súa inclusión no Rexistro
Órganos competentes.
Artigo 11. Atribucións da Alcaldía.
Consonte ó previsto na vixente normativa sobre réxime local, ó Alcalde ou órgano no que, no seu caso, delegase a competencia, correspóndelle o exercicio das seguintes atribucións relativas ó Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar:
* Incoar o procedemento de inclusión no Rexistro.
* Ditar ordes de inclusión no Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar.
* Ditar ordes de cancelación no Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar.
* O visto e prace das dilixencias de apertura e peche de cada tomo.
* O visto e prace de cada unha das follas do libro de rexistro, unha vez sexan transcritos mecanicamente os datos correspondentes a cada predio obxecto de inscrición.
* O visto e prace de cada unha das follas do libro rexistro unha vez sexan transcritos mecanicamente os datos correspondentes a cada predio obxecto de cancelación.
* O visto e prace das certificacións que soliciten os interesados ou se expidan de oficio para a súa remisión ao Rexistro da propiedade.
* As demais que expresamente lle atribúan as leis, e aquelas que a lexislación do Estado ou das comunidades autónomas asignen ó concello e non atribúan a outros órganos municipais.
Artigo 12. Funcións de Secretaría.
Correspóndenlle á Secretaría do Concello as seguintes funcións relativas ó libro do Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar:
* Levar e custodiar o libro de rexistro.
* Autorizar coa súa sinatura as dilixencias de apertura e peche de cada tomo.
* Autorizar coa súa sinatura cada unha das follas do libro de rexistro unha vez transcritos mecanicamente os datos correspondentes a cada predio obxecto de inscrición ou de cancelación.
* Expedir de orde da Alcaldía e co seu visto e prace certificacións do contido do libro de rexistro solicitadas polos interesados nos termos indicados na normativa vixente.
* Expedir de orde da Alcaldía e co seu visto e prace certificacións das ordes de inclusión e do contido do libro de rexistro para a súa remisión ao Rexistro da propiedade.
Artigo 13. Tramitación de expedientes.
Corresponde á área que teña competencias en materia de urbanismo a tramitación dos expedientes de inscrición no Rexistro de soares.
No expediente de inclusión, e antes de resolver o que proceda, deberá darse previamente ao titular do soar un prazo de audiencia polo prazo mínimo de dez días.
Artigo 14. Carácter público.
O Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar ten a natureza de rexistro público de carácter administrativo, polo que deberá manterse en condicións de pública consulta, ao dispor de calquera cidadán sen que para tal efecto resulte esixíble acreditar a condición de interesado.
O dereito de acceso á información contida no Rexistro exercerase nos termos previstos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa que resulte de aplicación.
Artigo 15. Expedición de certificacións e notas informativas.
As certificacións do libro de rexistro que se emitan serán transcrición íntegra e literal dos asentos correspondentes a cada soar ou edificio incluído no libro do Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar que os interesados sinalen ou, se é o caso, certificacións que acrediten a inexistencia de asento ningún sobre o soar ou edificio.
As certificacións expediranse por solicitude do interesado, formulada por escrito, indicando o predio ou predios concretos a que se refiren, facendo constar a súa rúa e número. A súa expedición producirase, logo do pagamento da taxa correspondente, consonte ó disposto na respectiva ordenanza fiscal, coas formalidades previstas na vixente normativa sobre réxime local.
As certificacións serán expedidas pola Secretaría municipal de orde e co visto e prace do Alcalde ou concelleiro en quen estea delegada a competencia para ditar ordes de inclusión.
Por solicitude do interesado poderán tamén expedirse notas informativas, igualmente logo do pagamento da taxa correspondente, consonte ó disposto na respectiva ordenanza fiscal. Non obstante, na súa confección, non deberán observarse as formalidades previstas para as certificacións na vixente normativa sobre réxime local, senón que será suficiente a sinatura do funcionario encargado da súa expedición.
O seu contido será unicamente informativo e carecerán, en todo caso, de carácter vinculante para a Administración e de valor probatorio.
Artigo 16. Da comunicación ao Rexistro da propiedade.
Consonte ó disposto no artigo 96 da Lei 6/1994, do 15 de novembro, e no Real decreto 1.093/1997, do 4 de xullo, a orde de inclusión de inmobles no Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar notificarase ao Rexistro da propiedade, coa finalidade de estender a publicidade rexistral á situación urbanística do predio.
Para este efecto, remitirase ao Rexistro da propiedade unha certificación que conteña a transcrición literal da resolución administrativa que ordene a inclusión do predio no Rexistro municipal de soares e edificios que cómpre rehabilitar, unha vez sexa firme en vía administrativa, facendo constar que se practicaron as notificacións aos titulares rexistrais así como os datos de inscrición no Rexistro administrativo.
Artigo 17. Consecuencias do incumprimento dos deberes de edificar ou rehabilitar.
Transcorridos dous anos desde a inscrición no Rexistro de soares sen que se lle dese cumprimento ao deber de edificar ou, se é o caso, de rehabilitar, a Administración decretará a edificación forzosa do soar ou, se é o caso, a rehabilitación forzosa do inmoble, ben de maneira directa ou a través dun particular, denominado axente edificador.
Artigo 18. Réxime da edificación ou rehabilitación forzosa.
É o procedemento que ten por finalidade a edificación ou rehabilitación forzosa de edificios, ben pola Administración, que, co fin de asumir a edificación, poderá proceder a expropiar os soares ou edificacións cando os propietarios incumpriren o seu deber de edificar ou rehabilitar, ou ben a través dunha sociedade urbanística ou dun axente edificador.
Artigo 19. Edificación ou rehabilitación pola administración municipal.
Cando se incumpra o deber de edificar nalgún terreo incluído nestas áreas, a Administración poderá expropialo. A expropiación poderá ser obxecto de concesión, mediante o correspondente concurso, para seleccionar ao beneficiario da mesma, que actuará como beneficiaria da expropiación e asumirá fronte á Administración o deber de edificar nos prazos que se fixen no prego de condicións, que en ningún caso poderán ser máis longos que os outorgados inicialmente ao propietario. Tamén poderá encomendarse a actuación a unha sociedade pública.
A Administración notificaralle ao propietario do terreo a iniciación do procedemento, concedéndolle un prazo de vinte días para formular alegacións, e asemade ordenará a súa anotación no Rexistro da propiedade, nos termos da lexislación aplicable.
Concluído o trámite de audiencia, o Concello aprobará, se é o caso, o que proceda.
A expropiación poderá tramitarse polo procedemento de taxación conxunta.
Unha vez ocupado o inmoble, comezarán a computarse os prazos fixados para solicitar licenza e para proceder á edificación. Así mesmo, inscribirase a transmisión no Rexistro da propiedade, aplicando o previsto na súa normativa específica para a inscrición das adxudicacións de soares en réxime de venda forzosa.
Artigo 20. Actuación a través dun axente edificador.
Calquera particular con capacidade suficiente para asumir as responsabilidades previstas neste precepto poderá colaborar coa administración na garantía do cumprimento do deber de edificar e instala a que exercite a expropiación para adquirir o soar non edificado, sempre que asuma a obriga de solicitar licenza de obra no prazo de tres meses contados desde a data en que estea resolta a dispoñibilidade do terreo.
Se o Concello entende que a solicitude reúne os requisitos formais esixibles, notificaralla ao propietario do terreo, concedéndolle un prazo de vinte días para efectuar alegacións, e ordenará a súa anotación no Rexistro da propiedade nos termos da lexislación aplicable.
Transcorrido o citado prazo, o concello deberá resolver no prazo dun mes acerca da aprobación da solicitude de edificación forzosa. Se neste prazo non se notifica resolución expresa, poderase entender rexeitada a solicitude.
Cando un particular presente unha solicitude, a Administración poderá optar por xestionar ela mesma a actuación ou por convocar un concurso público, nun prazo non superior a tres meses desde a solicitude, ou simplemente por someter a información pública a solicitude aos efectos de que se podan presentar ofertas que milloren a presentada. A administración valorará as distintas propostas tendo presente, entre outros factores, o prezo e o réxime das vivendas resultantes. Para este efecto, poderáselles outorgar un prazo ós solicitantes para que melloren a súa solicitude ou fagan proposicións acerca dos factores que a Administración considere máis importantes. A Administración urbanística decidirá acerca das solicitudes presentadas no prazo dun mes, agás que se optase por permitir a súa mellora ou novas proposicións; neste caso ampliarase un mes máis.
Artigo 21. Normativa aplicable.
No non previsto neste ordenanza, estarase ó disposto no articulado non derrogado do Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, no Real decreto 1346/1976, do 9 de abril, polo que se aproba o Texto refundido da Lei sobre réxime do solo e ordenación urbana, no Decreto 635/1964, do 5 de marzo, aprobatorio do Regulamento de edificación forzosa e rexistro municipal de soares, e demais normativa aplicable, así como no disposto na Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Tamén se aplicará a lexislación reguladora do réxime local e os regulamentos que a desenvolven, os preceptos que regulan a contratación das corporacións locais, así como a Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99.
Disposición Final.
A presente ordenanza entrará en vigor tras a súa aprobación definitiva, unha vez publicada íntegramente no Boletín Oficial da provincia e transcorrido o prazo a que se refire o art. 65.2 da Lei 7/85 do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.
Brión, 2 de agosto de 2010.
O Alcalde.
Asd. José Luís García García.
2010/11548